
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental e a Fundación Araguaney - Puente de Culturas poñen en marcha o II Ciclo de Conferencias sobre Saúde Mental en Galicia. Trátase dunha actividade que se desenvolverá ao longo de 2025 e na que se abordará, da man de expertos en diferentes campos da medicina, a psicoloxía e outras ciencias sociais, a problemática e incidencia das enfermidades mentais na poboación.
Seguindo a liña de traballo consolidada no 2023 coa realización do primeiro Ciclo de Conferencias de Saúde Mental en Galicia, esta nova proposta ten como obxectivo ofrecer ao público en xeral e aos profesionais sanitarios, sociais e da educación ferramentas de debate e elementos para abordar a situación da saúde mental desde o punto de vista doméstico, profesional e institucional.

As redes sociais teñen un impacto cada vez maior na mocidade, tanto positivo como negativo. Por unha banda, son unha ferramenta poderosa para a conexión entre persoas, o acceso á información e a sensibilización sobre temas sociais e políticos. Plataformas como Instagram, Facebook, X (antes Twitter) e TikTok permiten á mocidade expresarse, compartir intereses, coñecer novas ideas e participar en debates construtivos. Estas redes tamén poden ser un espazo onde fomentar a creatividade e a colaboración, creando comunidades arredor de causas comúns ou intereses compartidos.
Non obstante, o uso excesivo e descontrolado destas plataformas pode ter consecuencias negativas. A presión por mostrar unha imaxe "perfecta", a constante comparación coas vidas dos demais e a exposición ás críticas poden afectar gravemente á saúde mental, xerando ansiedade e diminuíndo a autoestima entre as persoas máis novas. Segundo un informe de UNICEF, as rapazas menores de 21 anos senten maior presión por ter un físico determinado, un 73,5% cree que este tema lles afecta moito ou moitísimo, fronte ao 50,8% dos rapaces. Ademais, a dependencia das redes sociais pode interferir no sono, nos hábitos de estudo e nas relacións persoais, xa que moitos mozos pasan máis tempo en liña que en interaccións directas co seu entorno. De feito, segundo un informe do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o 44,6% dos mozos e mozas estudantes asegurou que o uso destas tecnoloxías quítalles tempo de estudo e baixa o seu rendemento académico. Non só iso, case o 21% deles considera que a interacción a través das redes sociais xera moitos máis prexuízos que beneficios.
O obxectivo desta actividade é sensibilizar sobre o uso responsable e crítico das redes sociais e ofrecer estratexias para que mozos e mozas aproveiten as vantaxes das novas tecnoloxías de maneira equilibrada e saudable, fomentando un desenvolvemento persoal e académico que non se vexa afectado pola presión e os riscos asociados ao seu uso.
FRANCISCO FERRE
Xefe de servizo de Psiquiatría do hospital Gregorio Marañón e creador do grupo AdCom, centro para prevención, tratamento e investigación en trastorno por xogo e outras adiccións comportamentales.
O Dr. Francisco Ferre é psiquiatra, profesor e co-director do Instituto de Psiquiatría do Hospital Gregorio Marañón, onde lidera programas innovadores para colectivos vulnerables. Foi responsable da saúde mental pública en Madrid e coordinador estatal nesta área. Destaca pola súa labor investigadora, docente e polos múltiples premios recibidos pola súa traxectoria.

JULIO RODRÍGUEZ
Xenetista, psicólogo e divulgador científico en redes sociais.
Julio Rodríguez é doutor en medicina molecular e xenética, biólogo, psicólogo e divulgador científico, cunha traxectoria centrada na xenética clínica e a investigación en xenética psiquiátrica. Considera a ciencia un estilo de vida e dedica os seus esforzos a achegar coñecemento rigoroso e accesible sobre saúde mental, psicoloxía e comportamento á sociedade.

FERNANDO RODRÍGUEZ DE LA TORRE
Diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña, é Técnico Especialista en Marketing e Posgraduado en Comunicación Empresarial.
Fernando é diplomado en Ciencias Empresariais e posgraduado en Comunicación Empresarial. Actualmente dirixe a axencia Con C de Comunicación e o portal BriefingGalego.com. É profesor na USC e colabora coa Universidade Camilo José Cela. Ademais, impulsou o Pacto de Familias para atrasar o uso do móbil en menores.

Modera:
LAURA VIGO
Psiquiatra infanto-xuvenil do CHUAC.
A Dra. Laura Vigo Santamariña é psiquiatra de adultos e infanto-xuvenil, formada en Santiago e Londres. Ten experiencia en unidades especializadas en psicoses, autismo, TCA e neurodesenvolvemento. Participou en investigación clínica sobre novos tratamentos para o autismo. Actualmente coordina a Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
