'Vilancicos de Galegos', novo proxecto da Fundación Araguaney.

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o coro Vox Stellae presentaron hoxe o ciclo de concertos “Vilancicos de Galegos”, proxecto realizado ao abeiro do Fondo de proxectos Xacobeo 21-22 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Os vilancicos de galegos son pezas escritas en galego por compositores foráneos nos séculos XVII e XVIII, onde os galegos son os protagonistas.


O ciclo consta de dous concertos en templos especialmente relevantes de diferentes rutas do Camiño de Santiago, co obxecto de difundir contidos en lingua galega, o patrimonio cultural e as rutas de peregrinación xacobeas. Celebrarase o primeiro concerto en Noia, o venres 30 de xullo, ás 21:15 horas na Igrexa de San Martiño de Noia. Para asistir é preciso solicitar invitación desde o 19 de xullo ata o día 30 ás 12 horas no email programacionconcellodenoia@gmail.com. Os interesados poderán solicitar dúas invitacións por persoa. O segundo concerto será en Muxía, o sábado 31 de xullo, ás 20:30 horas no Santuario da Virxe da Barca. A reserva de entradas farase por vía telefónica chamando ás oficinas municipais (981 742 001).