top of page
Baner-Web-_-AMALRUTACARBALLO22.jpg
MOSTRA DE CINEMA EUROÁRABE
AMAL EN RUTA PONTEVEDRA 2022
Do luns 5 ao venres 9 setembro,
Teatro Principal
Descargar programa

Tres palabras, orgullo, legado e cultura, e sete anos para rodar a nosa historia na cidade do  Lérez.

Orgullo. Non hai mellor marco para rodar a historia de Amal que as vilas e cidades do noso país. Durante tantos e tantos días, cada recuncho da nosa xeografía, as persoas coas que coincidimos nesta viaxe e as experiencias vividas documentaron fotograma a fotograma o que somos hoxe, e por iso, sentímonos profundamente orgullosos e orgullosas.

 

Legado. Dá vertixe pensar en como unha pequena idea que xurdiu nunha conversa trivial se foi desenvolvendo e arraigando nos corazóns dos veciños e das veciñas. Unha idea que, por enriba de todo, tiña como único obxectivo traer a cultura árabe a Galicia. ‘Amal’, e o seu irmán pequeno ‘Amal en Ruta’ pasaron por múltiples formatos, máis grandes e máis modestos, pero podemos mirarnos no espello coa satisfacción de ter dado o mellor de nós para alcanzar este obxectivo, e por iso estamos moi contentos deste humilde legado.

Cultura. E por último, quero darlles as grazas a todas e cada unha das persoas que forman e formaron parte deste proxecto. Programadoras, cineastas, estudantes en prácticas, deseñadoras, azafatas, técnicas de son e de luces… pero sobre todo quéroche dar as grazas a ti, porque es o actor principal desta película á que aínda lle quedan capítulos que contar e porque xuntos podemos dicir que somos cultura.

 

#orgullo #legado #cultura


Ghaleb Jaber Martínez.

Programación

Gods_1.jpg
Gods_2.jpg

Luns 5 de setembro - 21.00

Teatro Principal

GODS OF MOLENBEEK

(Aatos ja Amine) (DOC)

Reetta Huhtanen | 2019 | Finlandia, Bélxica, Alemaña | 73’


O distrito de Molenbeek, en Bruxelas, ten fama de ser un dos epicentros do xihadismo europeo, pero para Aatos e o seu amigo Amine, é simplemente o seu fogar. Xuntos buscan respostas ás grandes preguntas da vida, pero a brutalidade do mundo adulto irrompe cando os terroristas detonan unha bomba no barrio.

Reetta Huhtanen


Graduada na ELO Film School de Finlandia, estudou realización de documentais, ademais de licenciarse en Socioloxía e Filosofía. As súas películas, "The Coffee Break", sobre tres eternos estudantes, e "Economic Forecasts", sobre o opaco universo da economía, proxectáronse en numerosos festivais internacionais. “Gods of Molenbeek” é a súa primeira longametraxe documental.

200Meters_1.jpg
200Meters_2.jpg

Martes 6 de setembro - 21.00

Teatro Principal

200 METROS (200 METERS) (FIC)

Ameen Nayfeh | 2020 | Palestina, Xordania, Italia, Qatar, Suecia | 93’

200 metros é a distancia que hai entre dúas localidades palestinas divididas polo muro israelí, que separa a Mustafa da muller e dos fillos. Unha distancia que parece insalvable ata que recibe a noticia de que o seu fillo está no hospital. 

Ameen Nayfeh


Ameen Nayfeh licenciouse en enfermaría, pero o seu amor pola sétima arte acabaríao levando ao mundo do cine. Dirixiu varias curtametraxes premiadas en citas internacionais e traballou, de maneira independente, en produción de cine e televisión. “200 Metros” é a súa ópera prima.

Retorno_2.jpg
Retorno_1.jpg

Mércores 7 de setembro - 21.00

Teatro Principal

 

THE RETURN: LIFE AFTER ISIS (DOC) 

Alba Sotorra | 2021 | España, Reino Unido | 90’

Shamina Begum e Hoda Muthana saltaron aos titulares de medio mundo cando, sendo adolescentes, decidiron abandonar os seus respectivos países para unirse ao ISIS. Despois de comprobar en primeira persoa as condicións de vida no autoproclamado Estado Islámico, tratan de pasar páxina e refacer de novo as súas vidas.

Alba Sotorra


Nada en Reus, Alba é directora e produtora de cinema documental. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid, fundou a súa propia produtora audiovisual, o que a levou a traballar, filmar e vivir en varios países como Siria, Turquía ou Qatar. 

Gaza_1.jpg
Gaza_3.jpg

Xoves 8 de setembro - 21.00

Teatro Principal


GAZA MON AMOUR (FIC)

Tarzan Nasser, Arab Nasser | 2020 | Francia, Alemaña, Portugal, Palestina, Qatar | 87’

Gaza na actualidade. Issa, un mariñeiro de sesenta anos, está namorado de Siham, unha muller que traballa no mercado coa súa filla. Cando descobre unha antiga estatua de Apolo entre os seus aparellos de pesca, Issa agóchaa sen saber que este descubrimento cambiará a súa vida para sempre. Mentres, a súa confianza aumenta e decide achegarse a Siham.

Tarzan Nasser, Arab Nasser

Os xemelgos Tarzan e Arab Nasser naceron en Gaza, en 1988. Estudaron Belas Artes na Universidade de Al – Aqsa, onde comezou a súa paixón polo cine e a pintura. Desde o seu debut, en 2013, cunha curta que foi seleccionada para a competición oficial do Festival de Cannes, a súa progresión cinematográfica foi notable, ata chegar a converterse en referentes do cine palestino.

Rep_2.jpg
Rep_1.jpg

Venres 9 de setembro - 21.00

Teatro Principal


THE REPORTS ON SARAH AND SALEEM (FIC) 

Muayad Alayan | 2018 | Palestina, Alemaña, Países Baixos, México | 127’

Sarah, unha muller israelita que dirixe un café, e Saleem, un repartidor palestino de Xerusalén este, manteñen unha relación fóra dos seus matrimonios. As súas respectivas parellas acaban decatándose dos enganos despois de que Saleem e Sarah pelexasen en público, o que sitúa a Saleem no punto de mira das forzas de seguridade de Israel.

Muayad Alayan

Cineasta e director de fotografía palestino. Estudou cinema en San Francisco, onde o seu proxecto de fin de grao, o documental “Exiles in Jerusalem”, gañou o premio Kodak. Alayan é cofundador de Palcine Productions, un colectivo de cineastas e artistas audiovisuais que viven en Xerusalén e Belén. Ademais, traballou como profesor de cinema e en varias institucións académicas en Palestina.

bottom of page