01.1 O Festival

Amal nace no 2003 como mostra audiovisual de obras realizadas en países árabes ou coproduccións euro árabes, para crear un camiño polo que poida transitar a cultura na súa forma de expresión máis fascinante: o cinema.


Na súa segunda edición, Amal 04 supuxo un éxito rotundo de público e de cara ó enriquecemento da estrutura audiovisual española. A II Mostra do Audiovisual Árabe seleccionou para a súa exhibición en Santiago de Compostela 18 obras non estreadas en España. A guinda púxoa o documental palestino/suízo Ao - Sabbar (Cacto) coa súa estrea simultánea en Nazaret e Santiago de Compostela, establecendo a unión entre as dúas cidades santas en pleno ano Xacobeo.

E no ano 2005, AMAL deu o salto definitivo converténdose no primeiro Festival Internacional de Cine Árabe que se celebra en España.
Con AMAL 06, desde a Fundación Araguaney víronse obxectivos e esperanzas cumpridos. A afluencia de público foi moi significativa, achegándose a tres mil espectadores que demostraron o seu interese pola realidade do mundo árabe e pola industria cinematográfica.


Amal 07 supuxo a súa consolidación como festival internacional. Nesta edición o festival triplicou o número de obras recibidas. A sección oficial estivo composta por 47 obras: 30 curtas, 9 longas e 8 documentais. A maioría delas exhibidas en España por primeira vez. O xurado internacional, formado por variados representantes do sector audiovisual, seleccionou os premiados desta edición. Nesta edición, reforzando a oferta cultural do festival, desenvolvéronse dúas actividades paralelas: A exposición de pintura “Colorist in wartime” con obras do pintor iraquí Jaber Alwan, presentadas por primeira vez en España, e o programa especial de proxeccións “From Middle East with love” que nos presentou as obras experimentais dunha selección de novos creadores árabes presentes no circuíto artístico internacional actual.

Amal 08, máis ca nunca, desexa colaborar no desenvolvemento do diálogo intercultural, fomentar o coñecemento mutuo, o desenvolvemento de proxectos conxuntos, entre a nosa terra e os países do mundo árabe.

Grazas a todos e benvidos a AMAL 08.

01.2 Fotos