REGULAMENTO
FESTIVAL INTERNACIONAL
EURO-ÁRABE AMAL 07

 

Artigo 1.:

O Festival de cine Amal, na edición actual, terá lugar do 22 ó 31 de Outubro de 2007. As obras seleccionadas para o Festival, tanto as que entren a concurso coma as que estean fóra da sección oficial, serán proxectadas na  súa totalidade en Santiago de Compostela, sé do Festival.

Artigo 2.:

As obras presentadas a competición serán elixidas polo Comité de Selección do Festival. Poderá presentarse calquera película, documental ou curtametraxe producida nun país árabe ou co producida entre outros países e calquera país árabe. Tamén poderán participar todas aquelas obras producidas en calquera lugar do mundo que traten sobre a vida ou a cultura árabes.

Artigo 3.:

O prazo límite da presentación de solicitudes será o 31 de xullo de 2007. O Festival recoñecerá o asinante do formulario como único responsable, fronte a outras empresas ou persoas que puidesen participar na produción da  obra.

Artigo 4.:

O formulario de inscrición deberá ir acompañado da seguinte documentación:

  1. Preview copy da obra en VHS (sistema PAL) ou DVD (Rexión 2). As Preview copies non serán devoltas.
  2. Formulario de inscrición totalmente cuberto
  3. 2 fotogramas da obra e  currículo e foto do director (300 dpi)
  4. Material de prensa e publicitario, no caso de telo dispoñible.
  5. Certificado de te-los dereitos da obra en cuestión.
  6. Copia do guión e sinopse traducido ó inglés, francés ou castelán,  para a súa posterior subtitulado

A inscrición non garante a exhibición da obra durante o Festival AMAL. Non haberá que pagar ningún tipo de canon por participar no Festival, pero este tampouco pagará canon de exhibición polas obras presentadas a concurso.

Artigo 5.:

As inscricións deberanse enviar a:

FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE EURO ÁRABE AMAL
Fundación Araguaney
Rúa Alfredo Brañas, 5
15701, Santiago de Compostela, A Coruña
ESPAÑA

Artigo 6.:

As preview copies deberán enviarse en VHS (sistema PAL) ou DVD (Rexión 2). É importante  revisar as copias de DVD varias veces e en distintos modelos de reprodutores de DVD antes de envialas. Para a súa seguridade, acheguen unha copia en VHS (sistema PAL) xunto co DVD.

Poderán enviarse tódolos títulos que se queiran polo mesmo participante, pero cada título deberá ir co seu correspondente formulario de inscrición independente nun paquete separado co seu VHS ou DVD.

Tódalas obras deberán indicar o título e o remitente   

Artigo 7.:

Tódalas obras presentadas a concurso deberán ir subtituladas en calquera destes idiomas: español, inglés ou francés, para o seu exame por parte do Comité do Festival, ou ben acompañadas do guión en calquera dos idiomas mencionados.

Artigo 8.:

Tódalas obras seleccionadas serán proxectadas en versión orixinal, con subtítulos nalgúns destes idiomas: castelán, inglés, francés, galego, catalán ou vasco.

A versión orixinal considerarase a proxectada no  país de orixe.

Artigo 9.:

As obras seleccionadas para o Festival só serán exhibidas en Betacam SP (sistema PAL), en Betacam Dixital  ou en 35 mm.

Artigo 10.:

Unha vez seleccionada a obra, non poderá ser retirada da programación.

Artigo 11.:

Os gastos de transporte da obra, así coma o seguro, correrán por conta do participante ata a súa chegada ó enderezo do Festival.

A organización do Festival farase cargo do seguro das copias dende o momento en que estas cheguen ó recinto do Festival ata o momento da devolución.

As preview copies para a preselección deberán ser enviadas a portes pagos e non será devoltas, pasando a ser propiedade do Comité do Festival. Os dereitos das obras presentadas a concurso conservaraos sempre o director das mesmas.

Artigo 12.:

Para os envíos procedentes de países de fóra da Unión Europea, recomendamos que se fagan a través de empresas de mensaxeiros. Non se aceptarán envíos de fóra da Unión Europea que non teñan os custos de aduana pagos.

Artigo 13.:

No caso de deterioro dunha copia, calquera reclamación deberá chegar ó Festival un mes despois da súa recepción polo produtor, como data límite. A responsabilidade do Festival non superará o custo da tiraxe dunha copia nova, segundo as tarifas vixentes nos laboratorios para a tiraxe dunha copia estándar. 

Artigo 14.:

A  dirección do Festival nomeará os  membros do xurado. Este reunirá as seguintes condicións:

Deberá estar formado por un mínimo de cinco membros, dos cales un terzo, polo menos, deberán ser personalidades dalgún país árabe.
Non poderán formar parte do xurado aquelas persoas que teñan intereses na produción e/ou explotación das obras presentadas a concurso.
As deliberacións do xurado serán secretas e as decisións serán tomadas por maioría simple. A dirección do Festival asistirá ás deliberacións pero non tomará parte na votación.

Os membros do xurado comprometeranse firmemente a non expresar publicamente as súas opinións respecto ás obras sometidas á  súa consideración antes da proclamación oficial dos premios.

Calquera posible conflito (da organización ou do funcionamento) non previsto no seguinte regulamento, será resolto pola dirección do Festival de acordo con estas bases.

Artigo 15.:

O xurado internacional outorgará obrigatoriamente os premios, dotados das seguintes contías económicas:

Mellor longametraxe de ficción 3.500€
Mellor documental 2.500€
Mellor curtametraxe 2.000€
Mellor director 3.000€
Mellor actor 2.000€
Mellor actriz 2.000€
Premio Amal do público 1.500€

Só un  destes premios pode ser ex – aequo.

Artigo 16.:

Os produtores das obras que reciban un premio, comprometeranse a mencionalo en toda a publicidade e material de prensa, respectando a redacción exacta do ditame do xurado e utilizando o logotipo do Festival. Este logotipo estará dispoñible nas oficinas e na paxina Web do Festival.

Artigo 17.:

Os produtores ou titulares dos dereitos da obra presentada ó Festival, ceden unha copia para a Filmoteca da Fundación Araguaney.

  Os produtores ou titulares dos dereitos da obra, autorizan á Fundación Araguaney Ponte de Culturas (entidade organizadora do Festival) a exhibición de dita obra en festivais, ciclos de cine ou mostras sen ánimo de lucro que se celebren dentro do territorio español, no ano seguinte ó festival, previa notificación por parte da Fundación Araguaney ó titular dos dereitos da obra.

Artigo 18.:

No caso de diverxencias sobre a interpretación deste regulamento,  aplicarase o texto en castelán. A participación no Festival suporá a aceptación do presente regulamento. En caso de conflito, a dirección do Festival conservará a súa soberanía, aténdose ó regulamento da FIAPF, no que respecta ás manifestacións de cine internacional.

 

 

  FOLLA DE INSCRIPCIóN
  BASES
  DEREITOS